É posible a felicidade?

Agora que xa quedan atrás o Nadal, os excesos e o xogo da aparencia da alegrías por decreto, igual Bertrand Russell faríanos a pregunta enunciada ao comezo desta columna de hoxe. Pero, previamente temo que, tal como están as cousas, haxa que lembrar que a persoa mencionada é un dos filósofos e Premio Nobel de Literatura máis importantes do século vinte.

Dicía el que a felicidade podía ser de dúas clases: a de corazón e a de cabeza. Que o prudente era non ser demasiado orgulloso, nin demasiado modesto nos nosos proxectos. Que o cinismo é unha mistura do confort e de pobreza. E que esta última leva ás persoas a crer que nada vale a pena e, así o confort, fai soportable a tristura que este razoamento provoca.

Pero, tamén consideraba que a fraternidade e a cooperación son esenciais para a felicidade da maior parte da poboación. Mais, a fundamental depende, sobre todo, dun interese non hostil polas outras persoas e polas cousas. É dicir, o secreto estaría en que os nosos intereses (sans) sexan os máis amplos posibles e que as nosas reaccións cara as cousas, os entretementos e ás persoas interesantes sexan positivas. Isto necesita, obviamente, do noso entusiasmo por todo iso que chamamos “vida”.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-15/e-posible-a-felicidade-830416.html

A Violencia

Pensábamos que da pandemia saíamos mellor como sociedade. Pero, en breve puidemos constatar que non era así. Houbo quen decidiu que había que poñer en solfa todo aquelo que servía para unir á cidadanía. Como mínimo, a mala educación instalouse como “norma básica de convivencia”. A falta de empatía está á orde do día. Si, estamos na fin da historia, ou cando menos, parece que non haberá un mañá.

Así, a noticia máis impactante desta semana santa non será para moitos nin as dificultades para saír das procesións relixiosas, nin a choiva nin este vento ferido que nos empurra polos concellos de Ferrolterra. Si a morte dun pai golpeado polo seu fillo, feito tráxico recollido nas páxinas deste xornal. E estas cousas como poden suceder?

Obviamente, ocupa un grado superlativo nesa escala da violencia na que vivimos nesta sociedade post-covid, xunto ás agresións ás mulleres. Á marxe da situación concreta, dos feitos persoais que acaban alimentando a traxedia, como podemos freala e facerlle fronte?

A violencia é síntoma dunha sociedade enferma. Quizais necesitamos, de xeito urxente, preguntarmos cales son as causas da desgraza e buscar o camiño axeitado que nos faga mellores. Volver a Bertrand Russell.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/violencia-4778270