14 de febreiro

Estes días andan as rúas cheas de persoas. Aproveitan, ademais, o bon tempo para encher as terrazas neste simulacro de inverno. A xente o ten claro, decidiron saír a gozar da vida, non facer caso da polarización orquestrada por aqueles que non aceptan a liberdade do voto cidadán. Decidiron non facer caso de infumables crises permanentes, rexeitan o discurso do fin do mundo. Xa se sabe: se controlas o medo das persoas, as controlas a elas mesmas.

Contra todo o prognóstico destes augurios, todas as cidades e vilas galegas e Ferrol, están a ocupar os seus espazos urbanos. Comparsas e músicas irónicas. Entroido si, no medio dunha convocatoria electoral, tal como algúns estrategas tiñan deseñado. Pero, a vida segue os seus propios vieiros. Ninguén esperaba que fogo amigo rebentáralles a campaña. A mentira ten patas curtas e Xénova está a un paso de Waterloo. Nomes estes moi de carnaval, por outra parte.

Este entroido electoral é o primeiro paso para un novo tempo no conxunto do país. Atrás quedan catro décadas mediocres. Nada será igual, sexa cal sexa o resultado. Dicía Galileo: “eppur si muove”. Pero, antes estas datas igual prefiren a Sabina por aquelo de que “e ao ceo da túa boca, o purgatorio”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/14-febreiro-4718235