Paixón e arte

Permítanme desexar que esta Semana Santa contradiga as previsións meteorolóxicas e, as diferentes confrarías, cos seus pasos, poidan saír ás rúas de Ferrol con todo o seu esplendor. Sei que vai soar estraño que un non crente poida ter esta arela, incluso absurdo, que diría Albert Camus, máis non é ningunha novidade que aquí están á par – escusen este atrevemento – tanto a paixón relixiosa como a capacidade de convertela en arte.

Volvendo a Camus, el falaba de que “a arte non pode ser servida por nada tan ben como por un pensamento negativo”. A recreación da morte do Cristo crucificado, as feridas lacerantes, os pés descalzos, a penitencia, o encontro coa madre… toda a traxedia da humanidade, para finalmente converterse nun canto á fe, á esperanza e á propia vida.

Detrás, todo un mundo de traballos minuciosos. Tallas coidadosamente deseñadas e creadas, mantos bordados con tanto esmero e miles de obxectos e detalles que son unha expresión da capacidade do ser humano de darlle aos seus baleiros toda a cor. Así como esa convocatoria que suma xente cristiá, como doutras crenzas relixiosas ou, simplemente, a quen entende a Semana Santa como historia, cultura e arte humana. Profusamente humana.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/paixon-5257212

Sobre arte

Necesitamos a arte porque intentamos captar un intre da propia existencia humana. Porque somos conscientes da imposibilidade de atrapar o Tempo e queremos, de algún xeito, vencer a nosa fraxilidade, que finalmente faranos desaparecer. Hai quen pensa que a arte ten unha íntima relación coa idea do ben social. Que é unha mistura de sensibilidade anti-autoritaria e culto á creación que revela algo novo.

Se unha obra de arte fora aquela que revela algo novo, estaría acabada cando o propio artista sería quen de transmitir os sentimentos que experimentou cando estaba a crear. Mais, seguramente toda ela é unha obra “imperfecta” porque en cada persoa pode causar diversas e antagónicas sensacións.

A sociedade mudou, e en certo grado as palabras de Tolstoi estanse a cumprir, sobre aquelo de que a arte do porvir non sería obra de artistas profesionais que vivirían unicamente dunha actividade artística remunerada. Que a arte sería obra de todas as persoas. En calquera caso, é difícil saber onde está a liña divisoria entre puro entretemento e aquela obra que pase a ser considerada verdadeira arte. Pero, o máis sinxelo é saber se fainos, de algún xeito, felices e mellores. Para iso temos creado a arte.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/sobre-arte-5085864

Outra exposición de Víctor Gª Novás

VGN_060809

Víctor, primeiro pola esquerda

Mapas da Alma é o título xenérico da nova exposición que o amigo Víctor ten desde o día 6 até o 28 deste mes de agosto.

Tiven a ocasión, xunto cun medio centenar de amigos e amigas, de estar presente na inauguración o pasado día seis. A exposición está na Casa da Cultura, patrocinada polo Concello de Valdoviño e a Deputación da Coruña. A podedes visitar de luns a venres de 12 a 14 horas e de 20 a 21,30 horas e os sábados de 12 a 14 horas.

É unha exposición que paga a pena ir a ver. Nestes últimos anos Víctor creceu como artista, os seus cadros reflicten as cores das persoas e tamén do mundo do traballo. Dúas facetas que lle dan a este amigo unha perspectiva dunha arte que serve, non só para alcanzala beleza, senón para contribuír a cambiar o mundo.

Como sabedes Víctor é un artista claramente vencellado á esquerda e á Asociación Fuco Buxán.

Parabéns por esta nova exposición e aproveitade os días para ir a vela.