Lean a Castelao

Hai libros que, polas circunstancias históricas, acaban sendo sagrados. Moitas veces son enarborados como autos de fe e, curiosamente, poucos os leron realmente e, menos, son capaces de facer unha práctica coherente coas “ensinanzas do mestre”.

Así acontece co “Sempre en Galicia” de Daniel Rodríguez Castelao. Permítanme contarlles que hai case tres décadas fíxenme coas súas obras completas na edición de Akal e este bautizado oficialmente como o seu ano, fixo que volvera – outra vez – a el, revisando as miñas notas e marcas estampadas nas súas páxinas.

Castelao ministro do goberno de España no exilio, presidente do Consello de Galicia, principal promotor do Estatuto de 1936 e, polo tanto, raíz do actual Estatuto galego, Castelao contra o racismo e a xenofobia. Este defensor da autonomía, da república e unha das principais figuras do federalismo español, merece un maior respecto. A mitificación, veña de onde veña, supón baleirar a súa obra de contido. Convertelo nunha marca comercial.

Achéguense aos seus textos. Fagan unha reflexión limpa e sen prexuízos. Achéguense ao “Sempre en Galiza” sen sectarismos, pero tamén ao conxunto da súa obra narrativa, teatral e aos seus diarios de arte. Paga a pena.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/lean-castelao-5146319

https://www.akal.com/search/?q=castelao

A filla do mar

Teño nas miñas mans a novela de Rosalía de Castro, publicada en castelán por Akal en 1982. A orixinal fora publicada en Vigo en 1859 cando a autora tiña 22 anos. Unha obra dedicada a Manuel Murguía e que na que vai citando a autores como Zorrilla, Goethe, Góngora ou Víctor Hugo entre outras persoas, cun prólogo de Rosalía na que defende o dereito das mulleres a escribir e a formar parte da vida intelectual do país.

Unha novela que vaise desenvolver nas terras de Muxía. Que trata dunha viúva de vivo, Teresa, á que lle vai morrer un fillo e que acaba adoptando a unha meniña, Esperanza. Os conflitos que se abren tras o retorno do marido que acosa sexualmente á menor, quen poñerá fin ao seu sufrimento dun xeito tráxico.

Choca a temática, máis na época e tamén por ser unha primeira novela que vai saír da creatividade dunha autora do século dezanove. Pero, vemos que é este un tema de moita actualidade que igual debérase ter como lectura obrigada. Igual serve para concienciar fronte a eses actos indignos de “manadas” que por desgraza tamén chegaron a Ferrol. E unha cousa é que haxa menores implicados que non poden ser imputados, pero o mínimo é a protección e a solidariedade coas vítimas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/filla-do-mar-4288840