O sol do verán

Esta semana, concretamente o día 23, celebramos novamente o Día de Rosalía. Esperemos que a proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) de regalar un libro – no idioma propio de Galicia – e unha flor vaia formando parte de nós, cada vez máis. Por esa idea da conciencia crítica que facilita a lectura, por iso de que Rosalía de Castro é un dos grandes símbolos nacionais da nosa terra. Esa Rosalía rompedora, feminista e transgresora das forzadas costuras da súa e da nosa época.

Permítanme volver sobre un autor preferido. Suxerirlles a derradeira novela escrita por Carlos Casares: O sol do verán. Unha historia de amor que evoca, traxicamente, o paraíso perdido dos vellos veráns familiares compartidos. Un canto á beleza, á plenitude da vida e da memoria, impregnado de melancolía e nostalxia.

O sol do verán, a derradeira novela do autor, entregada á Editorial Galaxia, no seu inesperado e derradeiro día de vida, hai xa vinte e dous anos. Amor, morte e beleza. Din dela que esta é unha obra de literatura auténtica, de paixón por comprender o tecido íntimo da existencia. A elección da flor para este día rosaliano, déixolla a vostedes e ás máis que axeitadas suxestións das nosas florerías.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/sol-do-veran-4728487

Unha flor e un libro

Foi moi interesante a campaña destes días atrás, co motivo do día de San Valentín, onde participaban florerías, Deputación e o propio Concello e o seu Centro de Iniciativas Turísticas repartindo por todo Ferrol unha morea de flores. Son campañas en apoio ao comercio local en positivo e que deben seguir a desenvolverse.

Pero, xa que estamos a xusto unha semana – o vindeiro mércores será o día de Rosalía de Castro – permítanme facerme eco da axeitada proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para ese día. Esta vez estarían implicadas as florerías e as librarías da cidade, porque do que se trata é de aproveitar o próximo 24 de febreiro para regalar, a alguén preto de nós, unha flor e un libro en galego.

Unha especie de San Jordi, pero con fondo sentir e raizame galega. Porque como tráenos a voz de Rosalía, “cantarte hei” porque estes son “os teus doces cantares”.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2623025/unha-flor-e-libro