Babel

Hai quen cre que ter máis dunha lingua debe ser castigado, considerándoa unha ameaza para o seu xeito de vida. Até pode chegar a consideralo unha ofensa ou crerse en dereito de se proclamar un novo señor dos exércitos. Máis se considera que: “Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que lles veña á cabeza” (Xen 11,6).

Un considera que pode haber outras formas de afrontar a cuestión. Considerar que a existencia de múltiples linguas non é ningún castigo. Indubidablemente, supón un esforzo aceptar a pluralidade da realidade. As persoas temos a mala costume de oír pero non escoitar. Pasa moito cando se comparte a mesma fala.

A existencia de outra lingua implica a necesidade de prestar atención a quen temos diante, intentar escoitar e procurar entender e facermos entender. Obriga a poñerse na pel da outra persoa. Buscar un espazo común. É unha oportunidade para romper as fronteiras imaxinarias que fanos reféns das nosas eivas. É unha oportunidade para a convivencia, aceptando as nosas diferenzas.

Nós temos a capacidade de usar o castelán e coa nosa lingua propia, co galego, ábresenos un mundo inmenso como a Lusofonía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/babel-4602388

A Biblia

Un atrevemento. E máis por parte dun non crente. Aínda que supoño que cada quen é froito da cultura na que se desenvolve, á marxe das oportunas reformulacións acorde coa evolución persoal. Máis recoñezo que estiven durante moito tempo tras as edicións da Biblia da Editorial Sept (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos). As tres primeiras esgotadas e, por fin, puiden facerme coa cuarta a saída do prelo.

A xeira de colaboracións, as traducións partindo dos orixinais en hebreo, arameo e grego ao galego actual, o coidado da edición xunto coas súas numerosas anotacións fan deste un gran traballo. Debera interesar non só aos crentes, senón a todas aquelas persoas interesadas na cultura, da que sen dúbida forma parte todo o que ten que ver coa fe cristiá, incluídas todas as súas expresións artísticas, como acabamos de ter ocasión en Ferrol coa música sacra en San Xiao ou as propias procesións de Semana Santa.

A Editorial Sept, con medio século de existencia, é unha entidade peculiar ao sumar cristianismo e galeguismo. Por ela pasaron xente senlleira como Xaime Isla ou Domingo Fernández del Riego, cuxo irmán Francisco xunto co propio Isla serán promotores tamén da emblemática Editorial Galaxia.