Sefarad

A terra é única pero os seus destinos son diversos. Pasa o tempo e mentres esta permanece, incluso os pobos que as habitan resulta que van cambiando, tanto de idioma como de crenzas, e convivindo dentro da diversidade. Para entendermos o que somos temos que saber de onde vimos, e ás veces un recibe retornos que non espera.

Cheguei ao andaluz Rafael Cansinos Assens a través do arxentino Jorge Luis Borges. Ambos os dous tiñan especial devoción polos textos xudeus. No primeiro caso, estamos a falar dun español bautizado como cristián, pero de fondas raíces sefarditas. Cansinos vai deixar unha obra como “Las bellezas del Talmud”, habendo unha primeira versión a principios do século vinte.

Como saben o Talmud é o libro hebraico por excelencia, transmitido de xeito oral de xeración en xeración. Perseguido como ningún outro libro, que a diferenza da Biblia nunca foi considerado que estaba concluído. Cansinos amosa como as raíces fondas volven a saír, quizais de xeito inesperado. Houbo un tempo no que a península chamábase Sefarad e sobre ela está hoxe edificada a vida de cada un de nós. Como tamén foi tradutor do Corán -e dado que son as datas- permítanme desexarlles aos musulmáns un feliz ramadán.

https://www.diariodeferrol.com/firmas/manuel-cendan

Residencias de maiores

O tempo pasa e a nosa sociedade ten moitas máis persoas maiores, e o xeito “tradicional” de enfocar os cuidados deste sector da poboación xa non é posible, porque as familias non teñen capacidade para cuidar, xa que deben facer fronte a cubrir as súas propias necesidades diarias. Vivir costa cada día máis.

Tamén constatamos – tras corenta anos de autonomía en mans da dereita – que non hai nin novas prazas, nin novas residencias públicas e as que existen teñen unha serie de deficiencias estruturais que levan décadas sen ser arranxadas, aí está como exemplo a de maiores situada no barrio de Caranza. As novas, ou que están en construción, son privadas con prezos privativos para persoas de clase traballadora e media.

No medio desta situación hai quen está reiventando o papel das deputacións, máis neste eido dos cuidados. Resulta moi interesante que a da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, vén de presentarlle á Xunta un novo modelo de residencia de maiores, de carácter público provincial, que ademais pretende non só dar teito, senón manter ás persoas maiores cos seus lazos afectivos co seu entorno familiar e social vivos. Benvida sexa esta iniciativa da Deputación.

https://www.diariodeferrol.com/firmas/manuel-cendan

Erika

As cidades deben ser para a súa cidadanía. Un lugar para vivir e convivir. Un refuxio e unha fiestra de oportunidades, en liña con iso que se di das “cidades saudables” e aquelo dos famosos “quince minutos”, ese marco temporal na que unha persoa debera poder desenvolver a súa vida.

Pero, tamén para iso son necesarios eses pequenos negocios de proximidade. Verdadeiras empresas tractoras dende o punto de vista social, onde quizais o máis salientable son a súa capacidade de resiliencia, fronte á globalización que deshumaniza os barrios, provoca a xentrificación e fainos estraños na nosa propia cidade.

A tenda de Erika na Magdalena é unha referencia neste senso. Segue a tradición de aquelas tendas de toda a vida e, ao mesmo tempo, é un motor da vida cidadá do barrio. Xunto á calidade dos seus produtos e esa atención personalizada que requirimos todas as persoas. A maiores, ten un escaparate que marca as diversas temporadas e festas gastronómicas, agora ocupado por todos eses ingredientes necesarios para un bo cocido galego. Así, traspasando a súa porta, entramos nun mundo de sabores gastronómicos. Testemuñas directas son esas colas de persoas que, en máis dunha ocasión, fanse neste tramo da rúa.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/erika-5204281

https://www.instagram.com/latiendadeerika/

Tempo de cocido

Estes días de vento e choivas parecen estar pensados para volver a sentarse á mesa, arredor dun bo cocido. Se algo somos os galegos, é o que comemos. Un xeito de entendermos como país, a nosa cultura e a nosa forma de pensar e estar no mundo. Un cocido galego é tamén un vínculo coa nosa historia común, con ese longo pasado onde na economía familiar aproveitaban todos os recursos: grelos, repolo, garavanzos, patacas, chourizo, lacón, costela, morro, orella de porco, cachola… e, para finalizar as sobremesas típicas como os freixós e as orellas.

Outra das cousas deste manxar é esa especie de liturxia colectiva e popular que abre a tempada do entroido, onde os colexios adiántanse á festa cos alumnos máis pequenos. O cocido galego é a escusa perfecta para o bon xantar cos amigos e charlas sobre calquera tema e ningún. É o noso xeito de socializar.

Quizais nos últimos tempos, por mor da necesidade de ser sempre “produtivos” para gañarse a vida, estase a perder aqueles feitos na casa. Por iso, son tan importantes aqueles lugares que ofrecen tradición e calidade. Permítanme darlles envexa – espero que san – e dicirlles que eu, en Ferrol, xa tiven a ocasión de compartir un bo cocido galego en Casalexo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/tempo-cocido-5195533

Alborada de Rosalía

Haberá que volver á Casa da Matanza, a Padrón. Convertida en lugar de peregrinación ao igual co Rianxo de Castelao. En algún momento propicio, haberá que volver a visitar a Casa de Rosalía. Mentres, este domingo vinte e tres de febreiro estaremos celebrando o seu aniversario por todo o país. Será unha festa pero tamén unha reivindicación do seu legado e, por riba de todo, en defensa da lingua propia de Galicia.

Haberá en moitas casas e en moitos restaurantes ese “caldo de gloria” inspirado na súa poesía. Haberá música galega en moitas rúas coa súa “alborada” e haberá moita xente cun libro e unha flor reivindicando que seguimos a ser galegos, a pesar de aqueles que máis tiñan que defender os símbolos do noso país e da nosa cultura.

Benvidos á Galicia do século vinte e un. Démoslles a benvida a toda esa xente que vén de lonxe a esta terra de emigrantes. Moitos deles non retornaron xamais, pero estas novas xentes volven sobre as pegadas dos que marcharon. Por iso, permítanme dicirlles que tamén Rosalía pensa, fala e escribe cos seus acentos. Aquí a patria é matria, e escríbese con nome de muller. A vida, a paixón, vivir con dignidade, a modernidade, pasado, presente e futuro levan o seu nome: Rosalía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/alborada-rosalia-5186494