Alborada de Rosalía

Haberá que volver á Casa da Matanza, a Padrón. Convertida en lugar de peregrinación ao igual co Rianxo de Castelao. En algún momento propicio, haberá que volver a visitar a Casa de Rosalía. Mentres, este domingo vinte e tres de febreiro estaremos celebrando o seu aniversario por todo o país. Será unha festa pero tamén unha reivindicación do seu legado e, por riba de todo, en defensa da lingua propia de Galicia.

Haberá en moitas casas e en moitos restaurantes ese “caldo de gloria” inspirado na súa poesía. Haberá música galega en moitas rúas coa súa “alborada” e haberá moita xente cun libro e unha flor reivindicando que seguimos a ser galegos, a pesar de aqueles que máis tiñan que defender os símbolos do noso país e da nosa cultura.

Benvidos á Galicia do século vinte e un. Démoslles a benvida a toda esa xente que vén de lonxe a esta terra de emigrantes. Moitos deles non retornaron xamais, pero estas novas xentes volven sobre as pegadas dos que marcharon. Por iso, permítanme dicirlles que tamén Rosalía pensa, fala e escribe cos seus acentos. Aquí a patria é matria, e escríbese con nome de muller. A vida, a paixón, vivir con dignidade, a modernidade, pasado, presente e futuro levan o seu nome: Rosalía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/alborada-rosalia-5186494

En folga de fame

A carón da praza de España, fronte á porta do Equipo de Valoración de Incapacidades hai un traballador en folga de fame. Coñecerán o que pasa polas crónicas do Diario destes días e polo vídeo da súa filla. Non hai resposta oficial ás súas demandas e o que acontece é unha práctica cotiá, que para nada respecta os dereitos das e dos traballadores e dos pequenos empresarios.

Esta é a outra cara. Hai algunhas semanas o presidente Rueda sacaba peito na loita da Xunta contra o absentismo laboral. Segundo el a situación parte dun abuso por parte de xente que quere vivir sen traballar, claro que non asumía que os principais responsables do absentismo laboral dos traballadores e autónomos en Galicia son precisamente a Administración Autonómica e el como máximo responsable político.

A deficiente xestión do sistema sanitario público, que busca escusas para ese discurso de que as baixas por enfermidade común deben estar en mans das mutuas, así como vivir nun país onde non están recoñecidas as enfermidades profesionais, están no miolo do asunto. Á marxe de que esta deriva tóxica deshumaniza a atención ás persoas e as prestacións autonómicas e estatais. Mentres, traballadores e autónomos, á intemperie.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/folga-fame-5177834

A fenda dixital

Usaron a crise sanitaria do Covid-19 para acelerar e impoñer unha dixitalización infumable a costa da propia cidadanía. Pretendían vendela antes como un signo da modernidade, e agora como algo que non ten marcha atrás e que hai que tragar aínda que non queiramos. O certo é que só serve para ter menos persoal contratado, vulnerar os dereitos das persoas usuarias e trasladarnos os custes económicos e medioambientais, e unha vía para que ti sempre quedes indefenso e non poidas protestar. A culpa sempre será túa.

Parecen non saber que o uso da dixitalización non é unha obriga para a cidadanía. Dar por sentado que para calquera xestión coa administración, para un curso de formación para traballadores en activo ou, simplemente, para comprar un produto tes que usar unha pantalla, o teu portátil, ou teléfono móbil é un abuso e, incluso, unha intromisión na túa intimidade. Unha vulneración dos teus dereitos fundamentais a ser tratado con respecto.

Así, asociacións cidadás e investigadores sociais veñen de reclamar a Bruxelas, e aos organismos da Unión Europea, que se garantan os servizos de atención ás persoas, fronte esta dixitalización para o beneficio único de empresas e administracións opacas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/fenda-dixital-5168779

O cartel

Son fan do cartel e de todo aquelo que este soporte poida levar. A capacidade creativa artística sumada a un lema que sintetiza unha idea. Ben sexa cun obxectivo soamente comercial, político ou unha moxena irreverente que capte a nosa atención, de algún xeito. Atraparnos en definitiva.

É certo que cada vez hai menos nas nosas rúas, á marxe das grandes vallas comerciais ou dos famosos “mupis”. O feito de “manter limpa a cidade” vai en detrimento do cartel, así como dese fillo pequeno que é o grafiti. Non me mal interpreten, toda esta actividade esixe uns criterios de calidade artística e literaria, senón son simples borróns que para nada serven.

O tradicional cartel ten a súa casa natural na prensa, ben como anuncio ou como caricatura humorística e a imaxe deu unha variante moito máis abundante nos anuncios radiofónicos, televisivos e nas redes sociais. Asómbrame, se de verdade hai arte e un bon guión, esa capacidade de contar unha historia en vinte segundos. Son verdadeiros relatos curtos.

Castelao era devoto do cartel e do grafismo humorístico. A maiores, os seus diarios de arte están a nivel de calquera intelectual europeo contemporáneo. Dicía el que o cartel é “un berro pegado nunha parede”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cartel-5161527

Lean a Castelao

Hai libros que, polas circunstancias históricas, acaban sendo sagrados. Moitas veces son enarborados como autos de fe e, curiosamente, poucos os leron realmente e, menos, son capaces de facer unha práctica coherente coas “ensinanzas do mestre”.

Así acontece co “Sempre en Galicia” de Daniel Rodríguez Castelao. Permítanme contarlles que hai case tres décadas fíxenme coas súas obras completas na edición de Akal e este bautizado oficialmente como o seu ano, fixo que volvera – outra vez – a el, revisando as miñas notas e marcas estampadas nas súas páxinas.

Castelao ministro do goberno de España no exilio, presidente do Consello de Galicia, principal promotor do Estatuto de 1936 e, polo tanto, raíz do actual Estatuto galego, Castelao contra o racismo e a xenofobia. Este defensor da autonomía, da república e unha das principais figuras do federalismo español, merece un maior respecto. A mitificación, veña de onde veña, supón baleirar a súa obra de contido. Convertelo nunha marca comercial.

Achéguense aos seus textos. Fagan unha reflexión limpa e sen prexuízos. Achéguense ao “Sempre en Galiza” sen sectarismos, pero tamén ao conxunto da súa obra narrativa, teatral e aos seus diarios de arte. Paga a pena.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/lean-castelao-5146319

https://www.akal.com/search/?q=castelao