Xente

Olla a rúa de atrás. Olla o chan e o mar. Oe o son do andar. Xente que namora a xente. Xente diferente, divertida, distendida. Xente que comprende, que sorprende. Xente. Estes son versos da canción de Berrogüetto que se pode escoitar na voz de Guadi Galego. Teño que confesarlles que fai vinte anos merquei o CD e desde aquela forma parte de min.

Hai unha relación especial entre todas as variantes da arte, das e dos artistas cos seus seguidores. Cando un grupo musical, como neste caso, logra que unha persoa faga súa as achegas deles, establécese unha “apropiación colectiva moral”. De algún xeito se – por exemplo – a canción “Xente” forma parte da banda musical de quen a escoita, tamén pasa a ser parte do seu “patrimonio inmaterial”.

Mais, tiven un tempo de desapego cando Berrogüetto deixou que un partido puidera usar esta mesma canción para a súa campaña electoral. De algún xeito sentiume roubado, ninguén me pedira un permiso que eu nunca daría para iso. Vaia por diante que si creo que os artistas deben ter compromiso social, pero se andas nesas lides, debes facer algo ex professo. Tiven que dar tempo ao tempo e, agora si, podo volver a escoitar “Xente” como algo propio e íntimo. Grazas Berrogüetto.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.