A pasada semana Ferrol parecía estoupar. Hai dúbidas sobre moitos aspectos, pero o que sabemos é que a Xustiza está a investigar un posible delito contra a liberdade sexual dunha muller. A “esquizofrenia virtual” vivida nas redes sociais, alimentada – en moitos casos – por aqueles que negan a existencia da violencia de xénero, deixa ás claras as deficiencias nos campos educativo, cultural, de prevención e asistencia social, así como na seguridade cidadá, unha vez máis.
Con respecto a isto último, vemos como aínda seguimos a sufrir os recortes da etapa Montoro – Rajoy, cunha evidente falta de medios e persoal nos diversos corpos policiais. O pouco peso de Galicia na política estatal, máis cunha Xunta empeñada en bailar ao son do dúo Almeida – Ayuso, fan que os investimentos en seguridade cidadá vaian con atraso.
Igual os tempos son chegados e hai que pór sobre a mesa, a calor cás competencias previstas no Estatuto galego – tendo en conta os efectivos actuais de Garda Civil e Policía Nacional no conxunto de Galicia – a necesidade imperiosa de desenvolver unha verdadeira Policía Autonómica integral, en vez de seguir á “espera de Madrid”. Claro que para isto a Xunta tería que ter vontade política.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/seguridade-cidada-5389548