Coidar o Ateneo Ferrolán

Unha cidade e unha comarca tamén son as súas obras colectivas. Máis, aquelas que van de unhas xeracións a outras, e así son testemuñas das vivencias de cada unha delas. Hai entidades senlleiras como o Ateneo Ferrolán que son a casa común da súa cidadanía. Cento corenta e catro anos de historia ás costas sendo fiel a esa “illa de Faro”, que cita Homero na Odisea, e aquí baixo o coidado de Atenea, protectora da civilización, da cultura e da xustiza.

Estes días anda o Ateneo Ferrolán a presentar aos seus socios a súa xestión cultural e económica, como a renovar a súa xunta directiva. Todas e todos somos coñecedores dos seus éxitos e, obviamente, das dificultades que tivo que ir superando. Hai poucas entidades que coma esta poida dicir que está intimamente ligada á historia local e comarcal, que necesita e merece o coidado non só das diversas institucións como da súa cidadanía.

O Ateneo Ferrolán, son ese case século e medio de vida e as súas socias e socios. Pero, tamén, e sobre todo, as persoas que traballan por mantela en pé, día a día. Por iso, hai que recoñecer o traballo do seu persoal, hoxe na persoa de Cristina Meizoso, soporte e apoio fundamental durante tres décadas desta institución.

http://ateneoferrolan.org/

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/coidar-ateneo-ferrolan-4636637

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.