A verdade que somos un país peculiar. Os grandes estudios sobre a historia de Galicia non se dan tanto nas institucións oficiais universitarias, senón que veñen de fóra dos seus muros. Seguramente, produto desa uniformidade que pretende seguir a xustificar unha historiografía oficial que nega a pluralidade lingüística e cultural e, polo tanto, nacional de España.
Hai dúas décadas Camilo Nogueira levantaba unha enorme polémica co seu ensaio “A memoria da nación. O reino de Gallaecia” (Xerais, 2001). Agora teño nas mans a xa cuarta edición do “Tomo 1: a relevancia do reino galego medieval. Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza” do ferrolán Francisco Rodríguez (AS-PG, 2022), que abonda sobre o reino galego, primeira entidade política cristiá territorial en contraste coa España islámica da Idade Media do século XIV. Así recoñecida polas fontes diplomáticas árabes, carolinxias, francas e vaticanas do momento.
A estas alturas da vida a historia ten que afundir as súas raíces na verdade histórica. O país e o conxunto do estado están maduros para rachar coas lecturas interesadas, que imposibilitan o poder entender a nosa realidade actual. Aínda que só sexa por aquelo de que a verdade fainos libres.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pais-peculiar-4523752
