Os traballadores do naval foron un exemplo de compromiso e loita cidadá nos anos oitenta; e a pesar de todos os atrancos que supuxeron coñecidos sindicalistas e políticos, defenderon a esta comarca ata o último alento. Tamén, no seu día, o histórico Nicolás Redondo e o ex-presidente da Xunta González Laxe recoñecerían os seus erros polo seguidismo con respecto ao Goberno de Felipe González. Na dereita eran partidarios do modelo máis radical de Margaret Thatcher.
Non fomos quen de superar as nosas incapacidades colectivas e agora tócalle ao conxunto do que hoxe é Navantia. Esta vez nin hai a posibilidade de recolocar á xente na antiga Bazán, Imenosa, nas Pontes ou na empresa CASA, creando unha grave situación explosiva. Que espera o alcalde José Manuel Rey para arrancar compromisos tanxibles da Xunta, do Goberno Rajoy e de Bruxelas, onde gobernan os seus? Ferrol e a súa comarca sempre deben ser o principal compromiso.
Impórtanlle ao Presidente Feijóo as dezaoito mil persoas que dependen directamente dos estaleiros, ou están á espera de aplicar a nova reforma laboral do PP que anuncia despidos, a fin das prexubilacións e segregacións das instalacións navais para negocios especulativos?
O conxunto dos ferroláns e das forzas sociais debemos acompañar aos traballadores de Navantia e das auxiliares, sen esquecer a outros como os mariscadores, os traballadores de Poligal ou dos servizos públicos…
Ler artigo no Diario de Ferrol.