Os accidentes laborais disminúen. Non porque aumente o investimento en prevención ou a súa mellor implementación. Redúcense por causa da baixa na actividade industrial derivada da crise económica.
Fronte ós últimos anos cun aumento cualitativo na seguridade nas empresas – debido ás presións sindicais – e polas implicacións xudiciais que un accidente laboral grave ten para os empresarios; agora moitas empresas “aforran” e tamén moitas Mutuas están a facer unha peculiar optimización de recursos, que provoca unha maior desatención das necesidades dos posibles afectados polos accidentes laborais que antes. Mantendo iso si unha campaña ideolóxica, onde os culpables dos accidentes son os propios traballadores ou apelando a unha indemostrada fraude masiva nas baixas laborais.
O certo é que os informes dos últimos anos do Tribunal de Contas e do Ministerio de Traballo atribúen ás Mutuas Patronais prácticas dubidosas e gravosas para os dereitos e saúde dos traballadores. Asistimos así a unha atención á carta allea a criterios médicos, que depende da capacidade de resposta do propio traballador afectado, da do seu sindicato ou comité de empresa; Senón, pode acabar tendo que ir a hospitalizarse a Madrid en autobús. Non é broma.
Tamén, hai Mutuas – estas legalmente carecen de ánimo de lucro – que recoñeceron ilegais repartos de beneficios. En fin, hai que recuperar a xestión da saúde laboral como servizo público e non en mans privadas.