MANIFESTACION NACIONAL
ALAMEDA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
DOMINGO, DÍA 18 DE XANEIRO, ÁS 12:00 HORAS
CON PALESTINA, CONTRA DA MASACRE SIONISTA EN GAZA
POR UNHA PAZ XUSTA E DURADEIRA
PARA QUE REMATE ESTA MATANZA
¡VIVA O POBO PALESTINO!
O chamado conflito palestino non é novo. Son xa moitos anos de violencia, de ocupación ilegal dos territorios, de morte, de sufrimento e destrución. A actual intervención do exército israelí na franxa de Gaza ven de moi atrás. Estamos, unha vez máis, diante dun episodio de violencia indiscriminada e desproporcionada, unha auténtica matanza, especialmente contra dunha poboación civil á que se lle nega mesmo a posibilidade de fuxir.
Esta non é unha guerra, non existen exércitos enfrontados, nin igualdade de forzas, nin de recursos. Non existe simetría nin equilibrio entre partes por moito que algúns se empeñen en negar a evidencia. Non é posible a equidistancia. Os verdugos teñen nome coñecido e as vítimas tamén, cóntanse por miles, entre mortos e feridos. A vulneración dos dereitos humanos, a violación sistemática da legalidade internacional, dos acordos de paz e das resolucións das Nacións Unidas teñen un nome inequívoco, o Estado Sionista de Israel.