Rajoy está perdido

Todo comezou no último mandato de Aznar. A dereita utilizaba a súa maioría absoluta para baleirar a Constitución e os Estatutos de Autonomía. O obxectivo era a redución da democracia e dos dereitos cidadáns.O PP non atopa o seu sitio

Pero, por medio cruzáronse o “Prestige”, a Guerra de Iraq e o 11M. Tras o 14 M non quixeron aceptalo resultado electoral que lle daba o goberno a Zapatero. Intentaron condicionala acción do novo Goberno Socialista de España utilizando a fondo todos os seus apoios territoriais, mediáticos, económicos, xudiciais e incluso militares.

Coa manifestación deste sábado 10 de Marzo pretenden darlle a volta ás manifestacións que colleitaron polas mentiras e manipulacións que pretendían endosarlle os atentados islamistas a ETA. Cren no PP que chegou o seu momento de encabezar unha rebelión ultra contra o Goberno democrático de España.

Ao longo do país están a levantar esa rebelión facha e progolpista contra o Estado Social e Democrático, aproveitando a desmobilización da esquerda e demais forzas democráticas. Os cidadáns debemos tomar a iniciativa para poñer a cadaún no seu sitio.

De Juana Chaos é a escusa a pesar de que os actuais dirixentes do PP lle deron os beneficios carcerarios e de redución de condenas. Hoxe sabemos que moitos foron os etarras que se beneficiaron da “rendición de Aznar fronte a ETA”.

¿E despois de todo isto señores do PP, que? Rompen a loita antiterrorista, a política penitenciaria, o diálogo político, ás vítimas, a convivencia democrática… Dálles igual alimentar politicamente a ETA e aos grupos violentos da extrema dereita española.

Definitivamente, os actuais dirixentes do PP están nun camiño sen retorno, perdidos para a democracia. O asunto é saber canto tempo tardará o PP en romper en dous. O teito electoral da ultradereita é moi inferior ao do centrodereita. E iso sábeno tamén os sectores democráticos que hoxe están desprazados polos elementos extremistas no PP.

España merece outra dereita mellor.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.