Como um eco perdido

Unha vez máis, vemos as dificultades que desde Galicia temos para nos relacionar co mundo editorial portugués. Acaba de chegar ás miñas mans – grazas a unha xestión da Libraría Galiano – a antoloxía que, de Rosalía de Castro, publica Officium Lectionis Edições: “Como um eco perdido”. Un traballo bilingüe e unha aproximación a “Cantares Gallegos”, “Follas novas” e “En las orillas del Sar”.

Acerta Anxo Angueira no seu limiar ao equiparar a Rosalía con Cervantes, Shakespeare ou Dante. Tamén resulta moi interesante como vai incardinando as tres obras da padronesa co momento histórico da sociedade que lle tocou vivir. Agrádame ver como escapa dos estereotipos que, por desgraza, pretenderon ensinarnos no colexio, dándolle o verdadeiro significado á figura cultural e social de Rosalía. A do rexurdimento, a feminista, a que traballa a prol dun cambio para unha Galicia moderna e igual ás demais nacións.

Talvez, desde aquí debéramos coñecer – cando menos – un pouco a pegada que Rosalía de Castro ten en Portugal. Son dos que opina que a cultura e a “variante” da nosa fala, esa que temos ao sur do río Miño debera ter acougo no noso ensino desde primaria, integrada nas materias de galego e historia.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-10-01/como-um-eco-perdido-808990.html

https://officiumlectionis.pt/produto/rosalia-de-castro-como-um-eco-perdido/

Cantares

Sempre que miro cara á música popular do noso país, tanto ás cantareiras como á restante música de raíz, lévame a Rosalía e os “Cantares Gallegos”. Dicía ela que tivera o atrevemento de dar a publicar un libro que pretendía recoller, da súa man e oído, a beleza dos nosos cantares populares. Isto explica a íntima relación dela coas cantareiras, e esa relación entre música e poesía será uns dos fíos que, tamén, desenvolverán persoas como Luísa Villalta.

Seguramente, na publicación dos “Cantares”, Rosalía non foi consciente de que con ela rexurdía a nosa cultura e, amais, foi un feito histórico que unía Galicia coa modernidade da súa época, ao reivindicar a nosa identidade como país. Algo que vai a suceder con outras culturas de grandes nacións europeas, fronte á uniformidade herdada das vellas guerras napoleónicas.

Mais, é certo que a música popular galega, aos que fomos criados en barrios obreiros chegounos por outras vías. Xunto ao “hard rock” o que ás veces oíase eran Os Tamara, Ana Kiro, Pucho Boedo e, de xeito especial, Amancio Prada. Se Rosalía é a máis cantada na nosa terra, este último debe ser quen máis traballos musicais ten coa súa poesía. Eles, todos, son cultura viva de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cantares-5291096

Alborada de Rosalía

Haberá que volver á Casa da Matanza, a Padrón. Convertida en lugar de peregrinación ao igual co Rianxo de Castelao. En algún momento propicio, haberá que volver a visitar a Casa de Rosalía. Mentres, este domingo vinte e tres de febreiro estaremos celebrando o seu aniversario por todo o país. Será unha festa pero tamén unha reivindicación do seu legado e, por riba de todo, en defensa da lingua propia de Galicia.

Haberá en moitas casas e en moitos restaurantes ese “caldo de gloria” inspirado na súa poesía. Haberá música galega en moitas rúas coa súa “alborada” e haberá moita xente cun libro e unha flor reivindicando que seguimos a ser galegos, a pesar de aqueles que máis tiñan que defender os símbolos do noso país e da nosa cultura.

Benvidos á Galicia do século vinte e un. Démoslles a benvida a toda esa xente que vén de lonxe a esta terra de emigrantes. Moitos deles non retornaron xamais, pero estas novas xentes volven sobre as pegadas dos que marcharon. Por iso, permítanme dicirlles que tamén Rosalía pensa, fala e escribe cos seus acentos. Aquí a patria é matria, e escríbese con nome de muller. A vida, a paixón, vivir con dignidade, a modernidade, pasado, presente e futuro levan o seu nome: Rosalía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/alborada-rosalia-5186494

A estrela de Rosalía

Recoñezo que son mitómano e supoño que utópico. Creo que son necesarios os símbolos que representan un país, unha cultura e unha fala. Rosalía de Castro forma parte deste universo persoal. Igual o nadal está a aumentarme iso que poderíamos chamar sentimentalismo ou, quizais, a saudade da que falan as fillas de Breogán.

Grazas á campaña promovida pola Agrupación Coruñesa Ío, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Fundación Rosalía de Castro hai unha estrela que leva o seu nome e así está recoñecido pola Unión Astronómica Internacional. Agora cúmprense cinco anos. Do mesmo xeito que Castelao acaba de ser recoñecido como o primeiro presidente de Galicia. Si, son xestos. Pero, teñen un poderoso significado.

Rosalía de Castro ten a súa estrela no ceo que cubre o noso mundo terreal. Posiblemente, siga alí incluso cando todo aquelo que hoxe coñecemos nin exista. Xa saben iso do espazo-tempo. En setembro fomos á Casa de Rosalía en Padrón e do mesmo xeito que hai outros lugares para as e os galegos, incluídos eses novos de veñen de lonxe, permítanme compartir este lugar de peregrinación persoal con todos vostedes. A Casa é o lar que afunde as nosas raíces neste tempo e nesta terra. Bo Nadal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/estrela-rosalia-5111239

Deitado fronte ao mar

Hai uns dous anos, tiven a sorte de ser invitado a presentar o meu segundo poemario na Biblioteca Municipal de Miño. Alí atopeime como en casa e, quizais por iso, sen pudor faleilles de que a mellor forma de ler poesía era pensar que cada poema non é máis que unha posible candidata a letra de canción. Eu era plenamente consciente de que esta “confesión” para moitos é un anatema.

Ser “poeta” é algo recoñecido socialmente, mais o oficio de “letrista” é unha “arte menor” que nin sequera chega a ter categoría. Talvez non sexa máis que unha falsa controversia. Na música que eu gardo están poemas musicados de xente como Celso Emilio Ferreiro. O “Deitado fronte o mar” é un poema que defende a lingua galega e, tamén, aos desherdados deste país.

Se rascamos un pouco veremos que a poeta máis cantada polos nosos músicos é Rosalía. Así como todos aqueles poetas de relevancia para a nosa cultura. Quizais, sexa porque eles teñan interiorizado melodías. Mais, para os galegos a escrita, e a poesía en primeiro lugar, é un xeito efectivo de compromiso militante, apostar pola transformación social e volvendo a Celso Emilio, para saber que nunca debemos perder o norte na procura da felicidade das persoas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/deitado-fronte-ao-mar-4839822