Soneto a Cristo crucificado

A beleza estivo presente este sábado pasado en Ferrol. O proxecto Concerto Novo encheron coas súas voces a Capela da Mercé da praza de Amboaxe. Cun programa de oito obras, delas tres de estrea absoluta. Meu recoñecemento aos dezaoitos anos da coral e ao seu director José Antonio García Mato.

Acertada a presenza dos dous compositores musicais e da poetisa Eva Veiga. Desta última sinto envexa sa. Unhas voces únicas, que con música de Julio Domínguez, converten un poema teu nunha vitoria da palabra contra o esquecemento e fronte o paso do tempo. Tres alalás musicados polo valisoletano Agustín Javier Lázaro Santos, unha aposta e un compromiso coa música máis tradicional galega.

Como salvagarda final, permítanme sinalar o canto do “Soneto a Cristo crucificado”. Un poema místico do século dezaseis musicado por José María Pérez Pastor. Din os seus versos iniciais: “Non me move, meu Deus, para quererte/ o Ceo que me tes prometido,/nin me move o Inferno tan temido,/para deixar por iso de ofenderte”.

É evidente que a arte sacra, en todas as súas vertentes, vai alén do feito relixioso. Permite a crentes, agnósticos e ateos participar de algo tan humano como é a creación artística para exaltar a vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/soneto-cristo-crucificado-5009167

Música na concatedral

O contexto é moi importante. Obvio. Tamén é certo que as miñas visitas á Concatedral de San Xiao, digamos, que son recentes. Saben que non son crente, pero si gusto da arte relixiosa. É dicir, son produto das miñas contradicións. Así, observándoa, lévame á aquelas palabras de Eduardo Galeano, que explicaba como o mundo fóra creado polos albaneis. Idea que compartía, de algún xeito, con Rodolfo Ucha que vinculaba toda a súa obra aos artesáns e á sabedoría dos seus oficios.

Creo que iso é certo. Que somos unha especie moi destrutiva, pero capaces de levantar todo un mundo novo que dá significado á nosa propia vida. Quizais, o único sentido sexa a transmisión do coñecemento e este alcanza toda a súa potencialidade cando transfórmase en beleza.

E partir de algo tan básico como a voz humana, aquí no terceiro ciclo de Música Sacra na Concatedral, deixa ás claras que a vontade de querer e ser son as que moven o mundo. A proba está no proxecto de García Mato á fronte de Concerto Tempo, na evolución e na calidade adquirida polo traballo constante. Escoitar música sacra neste Templo, entre outros a Haendel nas súas voces, a quen subscribe esta columna prodúcelle un certo síndrome de Stendhal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/musica-na-concatedral-4763949