Teño que agradecerlles que se acheguen para dicirme o que opinan das miñas “Letras de Cambio”.
Polo que parece, tanto “O espello roto” como “Turismo de masas” tiveron algún que outro lector ou lectora.
Outras veces, no pasado, atopeime con xente que dicía que seguía o que eu escribo (un nunca sabe que repercusión pode ter, se é que existe tal).
Teño que dicirlles que cada vez que isto pasa o pudor é a miña primeira resposta instintiva. Son consciente das miñas propias limitacións. Máis, como dicía Umberto Eco que hai unha infinidade de lecturas posibles, sempre teño a dúbida de acertar ou non co expresado.
A linguaxe non é un medio de comunicación entre moitos. É a base de toda a comunicación, é dicir, o fundamento mesmo da cultura en sentido amplo.
Así, pretendo ser xusto e transparente, pero ás veces erro ou, simplemente, cada quen entende as cousas, en función da súa propia experiencia vital, se deixo indebidamente aberta algunha fiestra.
O privilexio de escribir e verte publicado leva de seu un feixe de responsabilidades. Comezando pola confianza que depositan en ti, o Diario de Ferrol e os propios lectores do xornal. Talvez, por iso penso que cada frase pódoa escribir mellor.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pudor-4953994
