Permítanme, nesta semana tan rosaliana, datar o nacemento da poesía coa aparición do propio ser humano. Así, antes de existir a mesma como tal, foi voz e canto, e este último trouxo consigo a música, pero para que todo isto non esquecera a súa memoria aprenderon a escribir e a ler os seus segredos escondidos baixo o grafito impreso no papel, pasando as e os trobadores a poetas.
É certo que a poesía – e antes o canto – nace pola conciencia do ser humano da súa propia fraxilidade. Quizais, por iso, as historias que reflicten os nosos sentimentos teñen tanto acougo, incluso hoxe en día. Quizais, iso fai que as cancións que triunfan e soan non nosos móbiles sexan – na inmensa maioría dos casos – de amor ou, mellor, de desamor. Senón pregunten á propia autora dos “Cantares Gallegos” ou á Rosalía catalá.
Pero, a poesía é o lugar que non ten medo. Simplemente, porque aí cada quen pode, aínda que sexa grazas ás palabras facer realidade as súas arelas. Non esquezan a etimoloxía da palabra “desexo”, significa “a perda do ceo estrelado”. E as estrelas son todo aquelo que queremos alcanzar. Como as sete estrelas de Castelao, ou das sete do poema de Darío Xohán Cabana que falan de vida, pan, luz e liberdade.
https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-02-27/de-poetas-e-estrelas-839386.html