Rebaixas tras Nadal

Agora que pasaron as festas de Nadal, que fixeron propósito de emenda para este 2025, e xa non están tan presionados para aparentar felicidade desbordante, díganme, como o levan?

Tempo atrás as persoas buscaban nestas datas o camiño en determinados libros. Entre eles o máis lido din que segue a ser a Biblia, pero tamén habería que engadir o Tanaj xudeu e o Corán. De feito, as estatísticas falan dun repunte do feito relixioso, sobre todo cas igrexas evanxélicas. Así, Ferrol cada vez parécese máis ao que acontece no conxunto do país.

Pola contra, un fenómeno que vai parello é que aumenta o número de persoas non crentes. Pero, seguramente produto de vir da ruptura co feito relixioso, moitos seguen a buscar as resposta ás preguntas de sempre na lectura de libros de autores laicos.

Pero, a realidade é moito máis materialista e prosaica. Os termómetros da vida cotiá son outros. Hai un sector que vehiculiza – dun xeito moi simple – os desexos inmediatos da cidadanía como é o da hostalaría, e outro que permite ver a nosa verdadeira fortaleza, que si expresa a nosa capacidade real para ben vivir: o comercio da cidade. Así, a boa ou mala marcha da campaña de rebaixas, vai ser un dos termómetros da nosa calidade de vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cafe-5137905

Bonos activa comercio

A pesar de que, teoricamente, os consumidores poderíamos descargar os bonos de desconto da Xunta de Galicia o letreiro é claro: “Rexistro de usuarios pechado”. Os bonos activa comercio era unha campaña que, inicialmente, ía descorrer entre o catro de novembro até o día de fin de ano. Pero, non foi así. En dous días os fondos aportados pola administración autonómica, de dous millóns e medio de euros, esgotáronse.

Seguramente, esta campaña autonómica acadou os obxectivos dos seus promotores políticos. Encheu os xornais, as radios e as televisións de noticias e fotos para eles. A Xunta poderá darnos os datos do retorno económico que, presumiblemente, parece que vai ir para o pequeno comercio. Tamén, é necesario saber quen realmente foron os beneficiarios finais. Se cumpren ser un comercio de proximidade ou se, ante a falta dunha maior regulación, son as grandes cadeas comerciais, as franquías ou as grandes marcas.

Ao comercio comarcal a campaña sábelle a pouco, o runrún di que eses bonos foron como botar unhas gotas no deserto do Sáhara. O pequeno comercio resiste. Grazas ao seu bo produto, ao seu trato personalizado e á súa profesionalidade. Son un ben ao servizo do conxunto da cidadanía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/bonos-activa-comercio-5077175