Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Irving Penn

Por unha vez, teño que recoñecerlles que como ferrolán sinto envexa da cidade da Coruña. Oxalá unha entidade da dimensión da sociedade cultural de Marta Ortega fixera unha aposta tan decidida por Ferrol e esta comarca. A Fundación MOP podería ter a súa sede en Nova Iork, Londres ou Barcelona, pero decidiron apostar pola capital coruñesa, pola súa zona portuaria. No edificio rehabilitado pola arquitecta Elsa Urquijo. Parabéns a súa cidadanía.

Van tres exposicións que visito grazas á fundación de Marta Ortega. Tras Steven Meisel, Helmut Newton e, agora, puiden ver os traballos de Irving Penn. Este fotógrafo de familia rusa xudeu estivo estreitamente ligado á revista Vogue. As lecturas simples, que se poidan facer a pé de rúa sobre a fotografía dedicada á moda, son un erro.

Converte cada foto súa nunha obra de arte. Dálles un significado que conculca o consumismo capitalista. O máis salientable é a aposta pola igualdade deste artista, que acabou fotografando tanto modelos, escritores como Capote, pobos africanos ou toda unha serie de bodegóns de obxectos, como os diversos oficios da clase traballadora americana. Os seus traballos son unha mirada moderna sobre todas as facetas da sociedade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/irving-penn-5094932

Sobre arte

Necesitamos a arte porque intentamos captar un intre da propia existencia humana. Porque somos conscientes da imposibilidade de atrapar o Tempo e queremos, de algún xeito, vencer a nosa fraxilidade, que finalmente faranos desaparecer. Hai quen pensa que a arte ten unha íntima relación coa idea do ben social. Que é unha mistura de sensibilidade anti-autoritaria e culto á creación que revela algo novo.

Se unha obra de arte fora aquela que revela algo novo, estaría acabada cando o propio artista sería quen de transmitir os sentimentos que experimentou cando estaba a crear. Mais, seguramente toda ela é unha obra “imperfecta” porque en cada persoa pode causar diversas e antagónicas sensacións.

A sociedade mudou, e en certo grado as palabras de Tolstoi estanse a cumprir, sobre aquelo de que a arte do porvir non sería obra de artistas profesionais que vivirían unicamente dunha actividade artística remunerada. Que a arte sería obra de todas as persoas. En calquera caso, é difícil saber onde está a liña divisoria entre puro entretemento e aquela obra que pase a ser considerada verdadeira arte. Pero, o máis sinxelo é saber se fainos, de algún xeito, felices e mellores. Para iso temos creado a arte.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/sobre-arte-5085864

Bonos activa comercio

A pesar de que, teoricamente, os consumidores poderíamos descargar os bonos de desconto da Xunta de Galicia o letreiro é claro: “Rexistro de usuarios pechado”. Os bonos activa comercio era unha campaña que, inicialmente, ía descorrer entre o catro de novembro até o día de fin de ano. Pero, non foi así. En dous días os fondos aportados pola administración autonómica, de dous millóns e medio de euros, esgotáronse.

Seguramente, esta campaña autonómica acadou os obxectivos dos seus promotores políticos. Encheu os xornais, as radios e as televisións de noticias e fotos para eles. A Xunta poderá darnos os datos do retorno económico que, presumiblemente, parece que vai ir para o pequeno comercio. Tamén, é necesario saber quen realmente foron os beneficiarios finais. Se cumpren ser un comercio de proximidade ou se, ante a falta dunha maior regulación, son as grandes cadeas comerciais, as franquías ou as grandes marcas.

Ao comercio comarcal a campaña sábelle a pouco, o runrún di que eses bonos foron como botar unhas gotas no deserto do Sáhara. O pequeno comercio resiste. Grazas ao seu bo produto, ao seu trato personalizado e á súa profesionalidade. Son un ben ao servizo do conxunto da cidadanía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/bonos-activa-comercio-5077175

O poder da risa

Sara subiu unha foto dela rindo ás súas redes sociais e ao pé puxo: “Nada é máis valioso ca risa”. Isto levoume a buscar o libro de Umberto Eco “O nome da rosa” e a revisar o diálogo entre o franciscano Guillerme de Baskerville e o vello bibliotecario cego da abadía Jorge de Burgos. Este último inspirado na figura de Jorge Luis Borges, por momentos tamén bibliotecario, que tiraba das súas dotes oratorias e memorísticas para paliar os impedimentos da súa cegueira.

Aquel debate versaba sobre o segundo libro de Aristóteles que Eco atribúe, fundamentalmente, ao estudio da comedia e da risa. O vello bibliotecario, convertido nun extremista defensor da súa verdade acaba sendo un asasino de todos aqueles que pretenden ler esta obra, ante o temor de que a reputación do filósofo grego converta o seu tratado sobre a risa nun poder subversivo. Non temes a aquelo do que fas burla.

A maiores, Jorge de Burgos cre ca risa pode provocar a libre elección da xente e do seu xeito de vivir, sen as normas impostas por uns que consideran que a súa é a verdade única e o seu poder lei, que hai que cumprir. En calquera caso, si, anoten: nada hai máis valioso ca risa, fomenta a felicidade e a liberdade das persoas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/poder-da-risa-5068098

Paiporta

Hai momentos na vida que as palabras achícanse, reducen a nada o seu tamaño e parece que até perden os seus significados. A dor faise plena e a traxedia deixa de ser unha invención cultural grega para ser a existencia humana mesma. As imaxes desta semana están a dar exemplos que amosan que as portas do inferno están sempre preto.

Acompañando á traxedia e á dor está o caos do momento, que algúns pretenden aumentar, tanto para eludir responsabilidades na xestión directa como para as súas avaricias persoais como políticas. A estes represéntalles un vello lema capitalista: “Cando vexas sangue nas rúas, fai bos negocios”. Patético.

As mentiras, os bulos, a incompetencia, o odio e o desprezo aos servizos públicos precarizados, a violencia e o atentando contra o presidente Pedro Sánchez, contra todo e contra todos, pretenden manipular a angustia e a ira lexítima das persoas afectadas. Non vencerán os partidarios da escuridade.

Fronte a todo isto están esas forzas que a xente saca de dentro de si, que amosa o por que da nosa existencia como comunidade. O tirar cara adiante, sobrepoñerse ás catástrofes para volver a levantarnos. A pesar da dor a fraternidade abrirá as fiestras para a luz da xustiza.