Cada vinte e tres de febreiro convértese nunha data importante para o noso país. Non por aquel inquilino que estivo durante un tempo vivindo no Castelo da Palma en Mugardos. Cada vinte e tres de febreiro volvemos a Rosalía, a pensar en cando teremos outra visita á súa casa da Matanza, en Padrón. A revisitar os seus libros e a revisar o seu legado en nós, as galegas e os galegos.
Hai forzas da natureza que sobreviven como mito e como canción e verso nas voces do seu pobo. Dá igual o paso do tempo, incluso nin o frío, nin a auga que acaba por derrubar as paredes de calquera casa, poden con ela. Seguramente, porque está impresa no ADN de cada unha e de cada un de nós. Somos o que somos, porque antes estivo ela e foi a nosa memoria e o noso rexurdimento como nación, como persoas que estenden un xeito de vivir e estar no mundo.
Así as galegas e os galegos cantamos a este país na lingua galega, porque como ela dicía serve para consolo dos males e para alivio das penas. Así á beira do mar esperamos esa proia da pedra do lar, torradas con mel e patacas asadas con sal e vinagre, que saben a noces. Así esperamos os misterios da tarde e os murmurios da noite. Xa saben, non esquezan o 23 volver a Rosalía.
https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-02-19/volver-rosalia-837631.html