Estes días estiven lendo un artigo do periodista Xabier Fortes titulado: “Esperando a los bárbaros”. Unha defensa do periodismo, da información veraz e dos periodistas que están sendo criticados, e en moitos caso acosados, por non censurarse e menos prestarse a ser cómplices da mentira.
Non coñezo ao periodista, pero por cousas da vida, si coñecín – hai máis de trinta e cinco anos – ao pai, Xosé Fortes Bouzán. Nesa época, quen subscribe esta columna, acababa de chegar á executiva comarcal socialista, adscrito á secretaría de organización que dirixía Carmelo Teixeiro, sendo secretario xeral Bonifacio Borreiros. Sobradamente coñecidos en Ferrolterra e na cidade naval.
Un día acompañei a Borreiros e acabamos en Pontevedra ceando cunha persoa, da que entón eu non me decatei da súa verdadeira importancia até moitos anos despois. Para aqueles meus vinte e poucos anos, Xosé Fortes era un militar reconvertido en profesor de historia. En fin, uns destes regalos que dáche a vida, cando só mereces un tirón de orella. Estaba eu ante un dos fundadores da “Unión Militar Demócrata”, á que tanto deben as nosas actuais forzas armadas. Un Xosé Fortes quen tivo que vivir entre os “bárbaros” do franquismo.
https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-10-08/esperando-os-barbaros-810386.html