Soneto a Cristo crucificado

A beleza estivo presente este sábado pasado en Ferrol. O proxecto Concerto Novo encheron coas súas voces a Capela da Mercé da praza de Amboaxe. Cun programa de oito obras, delas tres de estrea absoluta. Meu recoñecemento aos dezaoitos anos da coral e ao seu director José Antonio García Mato.

Acertada a presenza dos dous compositores musicais e da poetisa Eva Veiga. Desta última sinto envexa sa. Unhas voces únicas, que con música de Julio Domínguez, converten un poema teu nunha vitoria da palabra contra o esquecemento e fronte o paso do tempo. Tres alalás musicados polo valisoletano Agustín Javier Lázaro Santos, unha aposta e un compromiso coa música máis tradicional galega.

Como salvagarda final, permítanme sinalar o canto do “Soneto a Cristo crucificado”. Un poema místico do século dezaseis musicado por José María Pérez Pastor. Din os seus versos iniciais: “Non me move, meu Deus, para quererte/ o Ceo que me tes prometido,/nin me move o Inferno tan temido,/para deixar por iso de ofenderte”.

É evidente que a arte sacra, en todas as súas vertentes, vai alén do feito relixioso. Permite a crentes, agnósticos e ateos participar de algo tan humano como é a creación artística para exaltar a vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/soneto-cristo-crucificado-5009167

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.