Unha vez máis queda demostrado. As xentes de Ferrol son quen de ocupar as rúas e as prazas. Sumando á poboación local a comarcal, un feixe de turistas de diversos acentos. Non necesitamos grandes escusas. Simplemente, que nos deixen un oco por onde colar a alegría de vivir no mellor lugar do mundo, nesta comarca e nesta cidade deitada fronte o mar.
Sei que son reiterativo: sexan felices. Non deixen que ninguén lles amole. Nin o bulo deste domingo que buscaba causar medo, nin ninguén que siga a pensar que España é un imperio. Busquen unha escusa para saír á rúa, incluso con esta choiva inoportuna ou a pesar desta calor, que se pegan á pel. Que nada, nin ninguén condicione a súa determinación. Si, a vida é de función única.
Fáganse acompañar pola xente que queren. Que saiban que para vostede, eles son importantes e neste momento o único realmente transcendente. Ningunha aplicación do teléfono paga a pena. O relevante é querer e ser querido. Vivimos porque amamos.
Aproveiten as festas, a familia, os amigos, as terrazas. As festas de Ferrol e de cada recuncho desta comarca. Non esquezan os libros e o xornal. Incluso – por exemplo – achéguense esta fin de semana a Pontedeume, vila do libro. Vivan a vida.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-festas-4965961