Os escritos de Dante sobre o abismo seguen a estar en pleno vigor. Estes días, Hamas decidiu copiar ao exército israelí no seu xeito de actuar, incluídos os secuestros de nenos e civís. Salta polos aires a suposta supremacía israelí. País, este último, preso dunha confrontación interna pola corrupción de Netanyahu e a supresión do estado de dereito.
A Unión Europea decidiu só condenar a Hamas e apoiar ao primeiro ministro israelí, facendo un fraco favor aos dereitos de ucraínos, armenios e saharianos. O argumento que vale para xustificar a ocupación, o supremacismo xudeu e as políticas de apartheid de Israel contra a poboación palestina, serven para “lexitimar” as outras guerras. A xustiza e a lei teñen que ser iguais para todos.
Mentres, na terra patria, Ayuso, Abascal e Feijoo foron a soltar a Barcelona os seus odios á España plural e diversa, cun discurso guerra-civilista que fainos culpables – de non sei que – a ese corenta e cinco por cento de españois que vivimos en comunidades autónomas con lingua propia.
Mais, o meu interese hoxe é pedirlle perdón ao meu amigo, irmán, ao doutor Mohamed Safa, palestino, defensor dos dereitos do seu pobo e galego de adopción, por ser eu cidadán dunha Europa hipócrita.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/abismo-4470329
