Diario de Ferrol: beleza e compromiso

Debo agradecer ser eu quen ocupe este espazo, así como todos estes anos de colaboracións e non todas acertadas pola miña banda. A oportunidade que me dera ao pouco de nacer este xornal Germán Castro, mantida no tempo tanto polos outros dous directores, así como polo actual, Miguel Pampín, marca toda unha longa traxectoria persoal que sería imposible doutro xeito.

Como non son periodista tiven que ir aprendendo, algunha que outra cousa, nesta preciosa e singular singradura. Se teñen o atrevemento de buscar as miñas primeiras colaboracións e as comparan coas máis recentes, moitos de vostedes estarán a crer que – polo menos na escrita – non son da mesma persoa. Se buscan disonancias no discurso, á marxe creo dunha certa coherencia nas ideas, hai tamén unha evolución e unha busca constante de respostas. E sempre ao fondo unha paixón pola escrita e, sobre todo, por esta cidade irrepetible que é Ferrol.

Este xornal tenme marcado tan fondamente (perdoen a mención propia), que grazas a estes artigos periódicos cheguei a un formato totalmente “alleo” como a poesía e entrevistado dixen aquelo de: “Sempre escribín cousas, mais tamén é certo que todos estes anos como columnista de Diario de Ferrol axudáronme a ter as ferramentas para expresar esas emocións e sensacións que trato de reflectir nos poemas”. Hai quen di que grazas ao Diario aprendín a facer unha poesía limpa, sen efectos innecesarios. Si, ter un espazo acoutado obriga a prescindir das cousas que non son as importantes.

A existencia dun xornal local é tamén unha aventura e un compromiso. Igual que na vida de cada un, haberá moitos momentos de soidade, é o prezo a pagar por ir a peito descuberto. Máis nesta cidade tan chea de infortunios, onde cada quen ten que gañar a pulso as oportunidades. Como noutros eidos, hai tropezóns e volta a levantarse cada día por seguir mantendo a paixón por Ferrol e polas súas comarcas. Un diario local nace con vocación de dar voz á súa cidadanía, para defender os seus intereses como sociedade e tamén como territorio. Coa intención de facer un novo relato que obrigue ás diversas Administracións a tomar a esta terra nosa en consideración. Nace para promover a autoestima e o orgullo de ser de aquí.

Así, os periodistas e traballadores de Diario de Ferrol son militantes dun proxecto chamado Ferrol, respaldado polo Atlántico e unhas fértiles terras que van por toda Ferrolterra e chegan ao Ortegal e ao Eume. Son militantes da palabra, porque esta cambia o mundo e foi a imprenta o mecanismo para esas transformacións que nos fan avanzar, día a día.

No eido da cultura, hai un debate permanente e inacabado sobre que é a beleza. Acaso unha cabeceira que defende un xeito de entender e estar no mundo, non é verdadeira beleza? Onde comeza e acaba unha obra? Creo que esta muda cando a propia cidadanía a fai súa e a interioriza, a converte nun sinal da súa propia comunidade vital como é o seu territorio. Así acontece con esta obra aberta, en constante evolución e que nos suma a todos como é o Diario de Ferrol. Grazas ao xornal local e a quen – co seu traballo – permítenos cada día traelo ás nosas mans.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.