A través da páxina da ONG ACSUR Las Segovias, derivei na de Rebelión, onde hai un longo artigo sobre as intención do Banco Mundial para reutilizar o Muro que o Estado de Israel está a construír nos territorios ocupados de Palestina.
Trátase simplemente de utilizar os novos territorios roubados a Palestina para crear zonas especiais de produción industrial, onde sen ningún tipo de dereito, e baixo a vixilancia das tropas israelís de ocupación, os palestinos traballen a cambio de salarios de miseria en produtos que basicamente vaian para a exportación. Unha vez rematado o Muro, este converte a Palestina no maior campo de concentración de toda a historia da humanidade.
Por se iso fora pouco, o BM pretenden que sexan os propios palestinos quen financien este novo apartheid económico. Ademais, desde esta institución internacional consideran cos palestinos gañan demasiado en relación cos salarios do próximo oriente, aínda que estes son un vintecinco por cento do salario medio dun traballador israelí.
Se algunha vez alguén tivera dúbidas para que serven este tipo de institucións financeiras, así como o FMI, ou a Organización Mundial do Comercio – ou da política racista de Israel – esta é unha noticia que, por ser repugnante, abonda para abrir os ollos a toda persoa decente.
Basta xa de masacrar ao pobo palestino. ¿A que xogamos dende a Unión Europea? Con plans económicos como estes estamos devaluando os conceptos de dereitos humanos e de democracia que se converte en algo só instrumental, co único obxectivo de que algúns sexan máis ricos a cambio de expandir a miseria (incluída a moral).
¡Pero, outro mundo é posible. Liberdade para Palestina!