Sabores Ilustrados

O martes tiven ocasión de asistir á presentación do proxecto “Sabores Ilustrados no Camiño Inglés”, a carón do seu quilómetro cero, na oficina de turismo do peirao de Curuxeiras, organizada por Cites Ferrol co apoio da Xunta e do Concello de Ferrol.

Saben que son devoto deste tipo de iniciativas. Unha nova campaña que mistura o Ferrol Ilustrado co Camiño Inglés e a promoción da enogastronomía local. Ademais, en catro idiomas, para achegarse a todo posible peregrino que decida comezar aquí a súa viaxe a Santiago.

Vai na liña de fomentar e desenvolver Ferrol como destino turístico, pero tamén ten a virtude de combater a baixa autoestima que hai en algún sector da cidadanía. Si, temos potencial. E esta iniciativa tamén ponlle valor ao noso patrimonio, entendido este en sentido amplo. Somos un espazo urbano irrepetible. Saboreemos a certeza de estar onde comeza o mundo e que leva o nome da nosa cidade.

https://www.citesferrol.gal/

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2963913/sabores-ilustrados

Tempo de bicicletas

Había cousas que ían a poucos, pero chegou a pandemia para cambiar as prioridades. Unha é o desenvolvemento exponencial do uso da bicicleta. De feito, por primeira vez, nos vindeiros Orzamentos do Estado haberá unha partida económica para este fin.

Estas cuestións van mudar substancialmente a nosa relación coas cidades e Ferrol non vai ser menos. Aí está o plan de mobilidade local á espera dun acordo entre os catro grupos políticos, baixo a atenta mirada de diversos colectivos. Agora que, todos e todas, sabemos que estes asuntos non son xa “marxinais”.

Un par de meses antes do Estado de Alarma, desde o Foro Ferrol Vivo, achegaron un documento ao Concello onde propoñíase aproveitar os espazos verdes que hai a carón da vía do tren no Ensanche A e melloras en Esteiro e Caranza. Así como unha saída desde Curuxeiras a Canido – Catabois con enlace ás praias e conexión con outros concellos da comarca.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2946177/tempo-bicicletas

Ferrol Blues

Levamos anos alimentando ese blues que fala da perda de habitantes e capacidades de Ferrol. As últimas estadísticas do INE van nesa liña. É certo que hai datos obxectivos, pero un sempre aposta por reverter a proba de cargo.

Para a miña xeración, a do “Baby Boom”, a cidade era un espazo de liberdade vital para desenvolver un proxecto de vida. Mais, agora esta Galicia “urbanizada” do século XXI é unha garantía de calidade de vida, practicamente en calquera sitio. No noso caso, seguramente, terá razón o profesor Fra Molinero que di que debemos tomar como referencia os movementos poboacionais na comarca.

Houbo quen soubo aproveitar a baixa autoestima ferrolá, “vendendo” supostos mellores prezos na vivenda e “mellores” servizos locais. En calquera caso, o primeiro é deixar atrás o Ferrol queixoso. A cidade ten moito que ofrecer coma calquera grande cidade europea. Só temos que traballar, apostar e crer en nós.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2935435/ferrol-blues

Alcaldables

A metade do mandato chegou e comezan a aparecer as primeiras enquisas, que xa están a condicionar a política local. A verdade que sabemos aquelo que todos intuíamos: a data de hoxe, Ángel Mato ten máis posibilidades que ningún outro de seguir sendo alcalde. Pero, aínda hai xogo no campo.

José Manuel Rey está de sorte porque ten opcións e, iso, vaille traer os mimos do PP galego e do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Pero, depende en grande medida da capacidade de colaboración na esquerda ferrolá.

Os socialistas teñen que implementar o cumprimento do seu programa electoral, erro sería adoptar unha actitude conservadora, pese á complicada situación na Corporación de Ferrol cun goberno en minoría. En FeC necesitan reformular a súa estratexia e no BNG un pouco máis de ambición e, ambos os dous, asumir que non son a alternativa. É todos darse conta de que a cidadanía reclama sumas e acordos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2928239/alcaldables