Entre aplausos

Estes días de confinamento, cando ademais non tes máis compaña que a túa sombra – e suponse que Ferrol ten un vinte por cento de vivendas cun so ocupante – e se evitas as televisións xeneralistas privadas, que parecen necesitar recrearse nas cifras de vítimas e no sufrimento, a vida vai pasando entre os aplausos de cada tarde, ás 20 horas. Na miña rúa precedidos polo son dunha especie de trompeta ou corno, que fai as veces de “chamada á oración”, desde un minarete de ocasión.

O tempo parece detido e os debates sobre o que vai pasar para o vindeiro día 27 coa saída á rúa dos menores, ou coas pautas que imos ter para o posterior desconfinamento progresivo e a poucos, realmente non acouga as incertezas, senón que parecen o preludio dun novo tempo que ameaza con sacarmos deste mal letargo que padecemos, pero que pola contra supón a hibernación dos nosos sentires trastornados e revoltos.

Unha das primeiras cousas que deberemos facer é ir superando os nosos propios medos. A un posible contaxio ou a quedar desatendidos ante unha recesión económica que moitos xa dan por feita, profunda e de longo prazo. Quizais, por estas cousas – e dito con todo respecto para as vítimas e familiares – o mellor tributo aos que xa non están, sexa agarrarnos á vida con todas as forzas que teñamos como sociedade e como comunidade. De aí, a necesidade, tanto de reforzar a sanidade pública e o seu persoal, como a dun liderado forte por parte das diversas administracións, comezando polas máis próximas á cidadanía, como son os concellos e as súas entidades cidadás de referencia.

Así, outra proba de fogo teremos nos próximos meses, coa nosa capacidade de reparar os danos morais e materiais, que o Covid 19 deixa fondamente nestas nosas feridas abertas. Haberá que poñer baixo boa sombra aos oportunistas e “santificadores” da dor e do medo, e o resto – a inmensa maioría da xente – superar as angustias, sumar esforzos e poñer en primeiro término, de verdade, aqueles vellos valores de igualdade, liberdade e solidariedade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.