Tras a postura de inmobilismo mantida pola Dirección de Empresa na última reunión celebrada o pasado día 5 deste mes de setembro, feita a petición da representación social; os traballadores de Megasa Siderúrxica S.L., inician un segundo ciclo de folga.
Ás 4:30 horas da madrugada, iniciouse o paro progresivo das instalacións, para a partir das 6:00 horas este fose total en toda a Empresa, sen ningún tipo de incidentes e coa participación do 100% dos trabajadores afectados, se iniciou a primeira das tres xornadas de folga xeral previstas para este mes de setembro. De non existir ningunha variación na postura empresarial as outras dúas xornadas se desenvolverán os vindeiros día 21 e 26.
Ás 12 horas celebrouse unha concentración á entrada da Factoría, á que asistiron un 80% dos traballadores, e na que o Comité lembroulle aos traballadores asistentes, a postura da Empresa na negociación, así como se refrendou a necesidade de manter os diferentes calendarios de mobilización até que a Empresa se veña a tratar os puntos expostos pola parte Social.
Queremos lembrar á opinión pública que Megasa Siderúrxica S.L., é unha empresa asentada no Concello de Narón, e cunha plantilla de 244 traballadores directos, dedicada á produción de aceiro, redondo para a construción, cunha produción anual arredor de 750.000 Tn de produto terminado.
As reivindicacións da parte social, para o presente convenio, e que están a non ser tidas en conta pola Dirección da Empresa son: a creación de categorías e promoción profesional, creación dun plus de sábado e domingo, tendo en conta que Megasa traballa en ciclo continuo e os traballadores en quendas rotatorias, non percebendo ningún complemento que os diferencie dos días normais de semana aos fins de semana; a aplicación do contrato relevo, a partir dos 61 anos. Hai que ter en conta que nunha siderúrxica como é Megasa, única en Galicia, as condicións duras de traballo, fan que sexa difícil manter e exercelo mesmo, debido ao deterioro físico a partir de certa idade; o I.T. derivado de accidente de traballo, a progresiva reducción de xornada, para achegarse á xornada aplicada no Convenio Provincial da Siderometalúrxica, son puntos que marcan a diferencia na mesa de negociación.
O Comité quere agradecer aos diferentes colectivos de traballadores, que mostraron o seu apoio e se solidarizaron cos traballadores de Megasa.
En Narón, a 14 de setembro de 2008.
Comité de Empresa Megasa Siderúrxica S.L.
Estrada de Castela, 802 – 820. Narón 15570 (A Coruña).