Estes días tivemos ocasión de ver como centenares de miles de palestinos que viven en Gaza, territorio convertido por Israel no maior campo de concentración da Historia da Humanidade, pasaban a Exipto na procura de víveres e outras mercadorías, tras o derrube dunha parte do Muro sionista construído ilegalmente.
Ademais, agora está claro que George Bush non foi, días atrás, a apostar por unha solución definitiva que lles permita aos palestinos ter un futuro con dignidade, senón simplemente, a dar o visto bo ás operacións militares de Israel.
O que está a acontecer é a consecuencia inmediata de que desde Israel, os EE.UU. e a Unión Europea non aceptaron as eleccións democráticas de Palestina, celebradas pese á ocupación militar dos seus territorios, e que lle deu a vitoria a Hamás. É a consecuencia da aposta por provocar unha ruptura entre os palestinos e castigar á poboación civil por non votar por aquilo que as potencias occidentais mandan a unha poboación humillada, cansa de perder sempre.