Desta vez houbo sorte. O vertido no río Umia por parte da empresa química Brenntag púidose frear pola rapidez da actuación das autoridades autonómicas, evitando así que este chegara á ría de Arousa, onde se concentra o oitenta por cento do negocio do marisco de Galicia. De ter acontecido todos sabemos que, desta vez, a Xunta de Galicia sufriría unha profunda crise política, converténdose nun campo minado o seu futuro.
O curioso destes problemas que asaltan á actual Xunta, é que sufrimos a pésima xestión da dereita, que gobernou Galicia practicamente toda a etapa democrática, agás os dous anos do tripartito presidido polo socialista Fernando González Laxe. Desde logo esa cantilena de Rajoy sobre a eficacia e a boa xestión aquí cáese ante a forza das evidencias.
O actual Conselleiro de Medio Ambiente, o socialista Pachi Vázquez di que vai revisar todos os polvoríns químicos co PP deixou ao longo de Galicia. Desde a ría de Ferrolterra o medio centenar de entidades locais integradas no Comité Cidadán de Emerxencia acaban de lle lembrar que o Grupo Tojeiro dispón dunha instalación moi superior á da empresa Brenntag, que en caso de accidente non sería posible a instalación de barreiras, xa que practicamente está na entrada desta estreita ría. Ademais, o perigo multiplicaríase se finalmente a planta de gas, que está a carón, de Reganosa empezara a funcionar. Aquí non habería só danos medio ambientais en caso de accidente ou atentado, senón que sería a maior catástrofe humanitaria de toda a historia industrial española. Coarenta mil ferroláns viven no radio de acción devastadora que pode ter esta nova instalación.
Por iso, é tan necesario unha profunda reflexión no bipartito galego. ¿Imos seguir calando, asumindo pola vía dos feitos, sen máis esta Galicia enferma, produto das cacicadas do PP? Ademais, non se entende porque se lle dá osíxeno político a unha operación especulativa produto do pacto do Grupo Tojeiro e Manuel Pizarro.
Para quen non o saiba, cando Reganosa estaba en quebra económica, e o BBVA negábase a concederlle un novo préstamo lembrade que en casos normais a actividade futura da propia planta de gas, debería ser dabondo Manuel Pizarro puxo os activos da propia Endesa como aval bancario.
Hai que dicilo claro: Reganosa non é estratéxica para Galicia. O que si é estratéxico son os ciclos combinados que necesita Endesa, ubicada nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña). E a esta dálle igual que sexa Reganosa o subministrador ou outro. Tamén, sabemos que no rexistro do Ministerio de Industria un consorcio empresarial propón construír unha nova planta de gas fóra da ría ferrolá, no golfo ártabro. Polo tanto, sen arrisca-las vidas das persoas e o seu futuro.
Debería haber unha reflexión na Xunta agora que por segunda vez o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou que Reganosa non ten Declaración de Impacto Ambiental, e que non poderá ter por estar enfronte da cidade de Ferrol e non no exterior da nosa ría.
Debería haber unha reflexión, agora que está claro que o PP quere crispar a vida galega, encima botándolle en cara ao actual goberno a xestión herdada de dezaseis anos de Manuel Fraga, Mariano Rajoy, e tamén lembremos que foi Conselleiro de Ordenación do Territorio do sr. Núñez Feijoo.
Tras os lumes, agora foi o Umia, maña pode ser a ría de Ferrol. Pero, ¿Podería a Xunta de Galicia aguantar outro desastre máis, aínda que sexa herdado? Non podemos deixar todo á sorte ou a que Feijoo saque outra foto con mangueira.
É tempo doutra política, doutra forma de ser e facer.