Neste mes de xaneiro asistimos ao cincuenta aniversario da desaparición de Castelao. A figura máis importante do Galeguismo, desenvolvese entre o mito e a realidade, cando non na simple utilización ideolóxica. A visión que dase del é moitas veces sesgada ou sacada de contexto, e dende logo non é o único. Aí está o caso de Celso Emilio, creador da personaxe literaria de Fuco Buxán, que na maioría das biografías aparece como fundador da UPG, pero non o seu paso polo PCG e menos que foi candidato ao senado polo PSdeG – PSOE, na última etapa.
No caso de Castelao, dende logo non aparece a súa afinidade ideolóxica co socialismo democrático, recoñecida en 1935 no seu desterro extremeño, ou a súa relación con Quintanilla Martínez.
A mellor forma de coñece-lo está seguindo a súa obra: unha especie de diario político, onde expresa a súa evolución a través do tempo, as súas tensas relacións co exilio republicano contrario á autonomía das nacionalidades, e o seu desacougo pola consolidación do franquismo. Evidentemente, estou a falar do Sempre en Galiza. Nel encontraremos as claves do seu pensamento, alén do empequenecemento con que algúns nolo intentan presentar.
Nas súas páxinas encontramos o seu rexeitamento á independencia. Avoga por unha República Federal Española, formada basicamente por catro nacións e as súas rexións: Castela, Cataluña, Euskadi e Galicia. Esta visión de España fai que pida dúas cámaras lexislativas: un congreso dos deputados e unha cámara de representación territorial, as dúas base dun Estado Federal, que recoñeza os dereitos dos cidadáns por unha parte e das nacións que conformaron historicamente a península ibérica, por outra.
Declara que as pretensións galeguistas son españolísimas, e pide a confederación con Portugal, como camiño na unidade hispana. Avoga por unha alianza Galiza – Portugal, necesaria para contrapesar o poder catalán e do nacionalismo castelán. A súa concepción do dereito á autodeterminación está máis afincada no dereito dos pobos e cidadáns ao goberno dos seus propios asuntos, no día a día. A independencia só é entendible como recurso final contra da negación da propia existencia. De feito, no Libro III, rexeita a denominación “nacionalista” para a súa definición política.
O Sempre en Galiza aborda cuestións aínda non pechadas como é a organización territorial deste estado plurinacional que é España. É, por tanto, unha obra de referencia. Obviamente, a globalización e a nosa integración na Unión Europea implica repensar o artellamento de determinadas cuestións con respecto ás nacións e no senso de profundizala democracia, aumenta-los dereitos humanos e cidadáns, pero elo non entraña contradiccións coa lectura xeral da obra.
Unha das cuestións fundamentais xira arredor do idioma galego, seña esencial de identidade de Galicia como pobo diferenciado. Castelao non cree no bilingüismo, pero rexeita a guerra civil entre tódolos idiomas españois. O galego tamén é para el un idioma español.
O recoñecemento do Estatuto de Galicia é a súa actividade política básica, xa que entendía que era a ferramenta fundamental do pobo galego na defensa dos seus dereitos. Así foi que o tempo doulle a razón. Galicia, Euskadi e Cataluña son comunidades históricas e nacionalidades porque así o recoñece a Constitución – convertíndose na base xurídica dos seus dereitos históricos – en base á existencia dos seus respectivos estatutos. No caso galego plebiscitado o 28 de xuño de 1936.
As súas ideas pódense concretar nos seguintes principios: A) Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais pobos de España. B) República Federal Española para confederarse con Portugal. C) Confederación Ibérica para constituír a Unión Europea. D) Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial.
A modo de resume, dicir que o galeguismo de Castelao só é entendible dende a defensa da Galicia e o compromiso dunha España federal e solidaria, fronte ao Estado uniformista e o separatismo.
Castelao: “En política deixamos de chamarnos “nacionalistas” porque non pretendemos convertir a Galiza n-un Estado independente, e de antemán facemos uso da autodetermiñación, que a toda nacionalidade lle corresponde, para oferecer dos nosos dereitos todo canto sexa necesario en favor da unión hespañola.”
(Sempre en Galiza, Libro III, páxina 292, Obra Completa 2, Akal Editor, 1994)